O CONCELLO DE VILALBA AVANZA NO SEU PLAN DE MOBILIDADE URBANA, REMATA OS TRABALLOS DE MEDICIÓN DE TRÁFICO, AS ENQUISAS VECIÑAIS E TERÁ LISTA UNHA PROPOSTA NO 2021
O grupo de goberno ultima tamén unha estratexia para poñer en valor o trazado do Camiño de Santiago
Vilalba, 10 de novembro de 2020. O Concello de Vilalba avanza no seu Estudo de Mobilidade e Espazo Público (EME), unha ferramenta básica para a planificación e a posterior toma de decisións en torno á mobilidade no municipio pensada para favorecer o desenvolvemento rexenerativo das áreas habitadas. Permitirá ademais acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.
Durante os meses de setembro e outubro, realizáronse traballos de medición de fluxos rodados (IMDs) e peóns en sábados e días laborables, dimensionando o volume de vehículos así como as principais interferencias cos tránsitos peonís. Alén disto, realizouse tamén un achegamento específico ás dinámicas de mobilidade xeradas polo conxunto de centros de ensino e equipamentos en torno a rúa Cuart de Poblet, que provocan algúns dos principais fluxos de tráfico ao longo do día.
En paralelo, recolléronse un total de 322 enquisas, cubertas a través da dirección web habilitada pola equipa redactora pola propia veciñanza ou a pé de rúa, cun 72% de residentes na vila e un 28% das parroquias e núcleos da contorna.
Nas próximas datas, o concello realizará entrevistas con axentes clave de cara a complementar a diagnose técnica, como paso previo á fase de proposta, que se iniciará no 2021.
O obxectivo desta iniciativa é atopar maneiras de mellorar a mobilidade no concello. Concretamente, céntrase en tres ideas: facer que o xeito de moverse a diario sexa máis sustentable (ecolóxica, social e economicamente); facer máis eficiente o sistema de desprazamentos no concello, e facilitar hábitos de mobilidade máis saudables, máis respectuosos co medio ambiente e que axuden a aforrar recursos.
Camiño de Santiago
Por outra parte, o Concello de Vilalba informa de que no marco da redacción da Estratexia de Acondicionamento da Ruta Xacobeo realizáronse o groso dos traballos de análise e diagnose, atendendo especialmente ao estado dos espazos públicos, a edificación, construcións adxacentes e demais elementos que dan fronte ao trazado aprobado para o Camiño ao seu paso por Vilalba.
Entre os resultados dos traballos destaca a confección dun catálogo con 455 fichas únicas no que se establece o grado de singularidade, tipoloxía, elementos arquitectónicos e naturais de interese, e información sobre o grado de conservación do ben.
Así mesmo as fichas inclúen datos sobre elementos que interfiren de xeito negativo na percepción dos mesmos, tales como cableado en fachada ou elementos de instalacións públicas ou privadas á vista.
Outros traballos atópanse tamén avanzados, tales como a detección de interferencias visuais (dentro e fora do ámbito) con afección ao mesmo, ou problemas de iluminación, seguridade ou sinalética dentro do percorrido.
Unha vez rematados os traballos de diagnose, a fase de proposta será coordinada coas propostas do Estudo de Mobilidade, a fin de evitar diverxencias ou contradicións.