O plan de formación e asesoramento individualizado comeza o próximo 6 de maio e as persoas interesadas deberán inscribirse con anterioridade
Vilalba, 30 de abril de 2020
O Concello de Vilalba porá en marcha a próxima semana un programa de formación e asesoramento individualizado dirixido ao comercio local e á hostalería, co obxectivo de dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade para superar a actual crise sanitaria e económica.
‘Compite Vilalba’ é o plan deseñado polo concello para apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia mediante unha diagnose previa e individualizada da situación de cada establecemento, para despois pasar a unha fase de formación e á realización final dunha campaña de promocións conxunta.
O programa comeza o próximo mércores, día 6 de maio, e todos os e as interesadas deben inscribirse antes desa data na web compite.vilalba.org ou enviando un correo electrónico a comercio@vilalba.es.
Nesa primeira xornada, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, analizará a situación do sector nunha videoconferencia coas persoas inscritas no programa, na que participarán tamén o concelleiro de Comercio, Modesto Renda, e o de Emprego, Ignacio Criado. Ademais, un dos técnicos da iniciativa explicará en que consistirá exactamente cada unha das partes do plan.
A primeira fase, de diagnose, ten como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopan os establecementos participantes no programa ‘Compite Vilalba’, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta, con nove píldoras formativas realizadas en líña para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.
Despois, o programa chegará a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios participantes para definir o seu plan de mellora comercial, as accións que debe implantar para aumentar a súa competitividade.
Por último, chegará a quenda da ‘Gran promoción’, unha plataforma online para que o comercio local venda os seus produtos, con promocións nas redes sociais, descontos e outras iniciativas.
“Dende o principio da pandemia, consideramos prioritario impulsar un plan destas características, co obxectivo xeral de apoiar a estes sectores con accións encamiñadas a encarar a situación actual e preparalos para poder afrontar o período post-Covid 19”, asegura a alcaldesa, Elba Veleiro.