O equipo de goberno tratará de poñer a disposición un servizo para asesorar e informar ás persoas que o desexen tras a novas medidas anunciadas sobre alugueiros
Ademais, posporase cobro dos vados e tamén o do imposto de tracción mecánica para despois do verán
Vilalba, 1 de abril de 2020
O goberno municipal de Vilalba prevé a prestación dun servizo profesional de asesoramento á veciñanza ante as novas medidas de alugueiro anunciadas polo Goberno. O real decreto-lei publicado no BOE recolle unha serie de axudas para paliar as dificultades que podan experimentar inquilinos afectados polo estado de alarma no pago dos seus alugueiros.
Neste senso, o Concello tratará de ofrecer “un asesoramento para que os arrendadores e especialmente arrendatarios coñezan os seus dereitos e non se vexan vulnerados na situación na que nos atopamos”, afirmou Luis Fernández, edil de Economía e Facenda.
Por outra banda, o equipo de goberno local vén de anunciar que se posporá o cobro dos vados que tería lugar neste mes “como unha das medidas que alivie en parte a carga económica de moitos dos nosos veciños e veciñas”. Do mesmo xeito, o imposto de tracción mecánica que se cobraría nos meses de verán demorarase no tempo para despois deste período.
Estas e outras accións que estuda de forma permanente o goberno municipal irán encamiñadas a contribuír a facer fronte á crise económica derivada da pandemia do Covid-19, pois “somos coñecedores da situación que están a atravesar moitas familias”, asegurou Fernández, engadindo que “trataremos de ir perfilando medidas para minorar o impacto económico sobre a veciñanza de Vilalba”, concluíu.