Haberá un concurso de escaparates, iniciativas para promover a compra no comercio de proximidade e unha mesa redonda sobre a temática
Este programa específico pretende dar pulo ao pequeno e mediano comercio e salientar o consumo local en favor do beneficio social e económico para a localidade
Vilalba, 4 de decembro de 2019
O Concello de Vilalba vén de presentar a campaña “En Vilalba, comercio local” coa colaboración da Asociación de Empresarios Sete Pontes e Caixa Rural Galega. O Concelleiro de Comercio e Turismo, Modesto Renda, anunciou esta mañá as liñas mestras do amplo programa de actividades da que será a primeira campaña de apoio ao comercio local organizada dende o Concello de Vilalba.
Trátase dunha iniciativa que nace froito dun “traballo de comunicación constante co comercio asociado” e que ten por obxecto proxectar as vantaxes de comprar no pequeno e mediano comercio, así coma o beneficio social, económico e ambiental que representa.
Renda puxo de relevo que “a campaña que hoxe presentamos é a culminación dun traballo continuado, en base ao interese compartido de impulsar e dinamizar o comercio local e de proximidade, en tanto que sector estratéxico para a pequena e mediana economía de Vilalba”.
Na mesma liña se pronunciaron a Representante de Comercio da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Antía Naveiras, e o Director de Caixa Rural en Vilalba, Martín Paz, que acompañaron ao edil na presentación.
Naveiras, que agradeceu a implicación do Concello na organización da Campaña, destacou a necesidade de campañas e iniciativas que poñan en valor as vantaxes do comercio local, a calidade da oferta, a atención personalizada e o aforro de tempo que supón comprar en comercios de proximidade pola súa comodidade e accesibilidade.
Unha análise compartida por Martín Paz, que non deixou pasar a oportunidade para lembrar que promovendo a compra no comercio máis próximo e estimulando esa economía local, pódese, ademais, “contribuír a frear o despoboamento, que é un dos grandes problemas aos que se enfronta o Concello.”
Logo das intervencións, foi a quenda para a proxección inaugural do que será o vídeo promocional da campaña e que se difundirá a partires da 20h a través das redes sociais do Concello. A descrición posterior do que, dende o Concello, se pretendía reflectir no mesmo, correu a cargo de Fran Cornide, autónomo e emprendedor local, responsable da Axencia de Comunicación Dixital encargada da filmación e posterior montaxe.
RESUMO DO PROGRAMA
Luns 9 de Decembro
INICIO OFICIAL da Campaña e colocación das 60 bandeirolas co logotipo da campaña nas diferentes rúas comerciais de Vilalba. Paralelamente, farase entrega dos distintivos e selos co logotipo da campaña aos establecementos participantes.
Martes 10 de Decembro
10:30 h. PUBLICACIÓN DAS BASES DO CONCURSO DE ESCAPARATES. Do 13 de Decembro ao 6 de Xaneiro, os comercios de Vilalba pugnarán por ter o escaparate mellor e máis orixinalmente decorado.
Mércores 11 de Decembro
12:30 h. INICIO DO “MERCA, BULE e GAÑA! CO COMERCIO LOCAL”. Por compras superiores a 20€ nun mínimo de 7 establecementos participantes, veciños/as e visitantes entrarán nun sorteo de 1500€ de compras gratuítas durante 2h no Comercios participantes. O agraciado/a unicamente estará obrigado a gastalos mercando gratuitamente nun mínimo de 6 establecementos participantes, non podendo superar os 250€ por establecemento.
Venres 20 de Decembro
20:30 h. Casa da Cultura. “O COMERCIO VILALBÉS AO LONGO DO S.XX “. Organizada en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos, trátase dunha exposición fotográfica e posterior mesa redonda sobre o pasado, presente e futuro do Comercio Local en Vilalba. Intervirán:
Presenta o acto: Modesto Renda. Concelleiro de Comercio e Turismo
Modera a mesa: Marisa Barreiro. Presidenta do Iesch.
Venres 27 de Decembro
17:00 h. ESPECTÁCULO ITINERANTE “AO TEATRO, AO COMERCIO“. Tirando do seu particular carromato, os espectáculo de “Os Monifates” percorrerá as principais rúas comerciais de Vilalba nun improvisado escenario para desfrute e divertimento de grandes e pequenos consumidores do Comercio Local.
Sábado 28 de Decembro
12:00 h. ESPECTÁCULO ITINERANTE ”CANTOS DE COMERCIO“. A formación “Saraghallada” deleitará a veciños/as e visitantes no seu percorrido polas principais rúas comerciais de Vilalba. Folk tradicional; bandas sonoras de clásicos do cinema; o máis bailable da música popular galega… Ningún estilo se lle escapa a este grupo á hora de amenizar a entrada e saída dos máis rezagados nas súas compras para o día de reis.
Domingo 5 de Xaneiro
13:00 h. ANUNCIO DO GAÑADOR/A DO “MERCA, GAÑA e BULE! CO COMERCIO LOCAL”. Coincidindo coa cabalgata de Reis, así coma dende as canles de comunicación do Concello, procederase a anunciar o agraciado/a con 2h de compras gratuítas no Comercio Local de Vilalba.
Martes 7 de Xaneiro
13:00 h. Casa da Cultura de Vilalba. ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE ESCAPARATES“. O Concelleiro de Comercio e Turismo, Modesto Renda, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, farán entrega dos distintivos aos establecementos máis votados pola veciñanza.