O Concello mantén aberto o prazo de inscrición de artesáns ata o 30 de abril e a cita celebrarase o domingo 4 de maio, coincidindo coa feira mensual da vila
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron hoxe unha nova edición da Feira de Artesanía que se celebrará o vindeiro domingo, 4 de maio na Praza de Santa María.
O horario da cita, que coincidirá coa feira mensual, será de 10:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:00 horas. “Ademais dos postos de artesáns e artesás tamén haberá outras actividades e propostas de animación das que iremos dando máis información nos vindeiros días”, adiantou a rexedora, Marta Rouco.
Esta proposta “é o comezo dunha nova iniciativa que poñemos en marcha dende o Concello para dinamizar a Praza de Santa María o día da feira mensual e que ademais esta conte cun atractivo engadido”, explicou Rouco.
Así, dende a Alcaldía e a concellería de Feiras e Mercados, organizarán “en cada feira mensual unha proposta diferente na Praza de Santa María, comezando pola Feira de Artesanía e con outras propostas xa en mente de cara aos vindeiros meses”, subliñou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo.
Esta primeira proposta “organizámola en estreita colaboración coa Asociación Lucense de Artesanos, que xa nos confirmou a asistencia de 15 dos seus socios. Pero ademais, queda algunha caseta libre e por iso abrimos o prazo de inscrición aos artesáns de Vilalba ou doutros municipios que queiran participar na nosa feira e non formen parte desta asociación”, explicou a rexedora, Marta Rouco.
Nesa liña, o prazo de inscrición de artesáns estará aberto ata o vindeiro 30 de abril, sendo necesario cubrir a ficha de inscrición dispoñible no remate desta nova e remitila ao enderezo de correo electrónico alcaldia@vilalba.es.
DINAMIZACIÓN MUNICIPAL
A iniciativa presentada pola alcaldesa e a concelleira de Feiras e Mercados súmase á proposta que deu comezo neste 2025: os bailes mensuais os domingos de feira.
“Por suposto, o domingo 4 de maio tamén teremos baile no Centro Cultural, xa se converteu nunha cita ineludible e seguiremos adiante coa proposta durante todo o ano”, adiantou a rexedora, Marta Rouco.
O vindeiro 4 de maio será o Dúo Caramelo o que porá a nota musical, de 17:00 a 20:00 horas como vén sendo habitual. Tampouco faltará o sorteo gratuíto que “é unha forma de agradecer a implicación das persoas que cada domingo veñen aos bailes, sen elas a iniciativa non tería o éxito que estamos acadando”, explicou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo.