O CONCELLO CREARÁ NA BIBLIOTECA MUNICIPAL UNHA AULA PARA POÑER EN VALOR E ALOXAR O LEGADO DO ESCRITOR AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

O goberno municipal ratifica o seu compromiso coa Biblioteca Municipal cunha nova inversión de preto de 90.000 euros que suporá a renovación integral do primeiro andar do edificio, onde se instalará a sala Agustín Fernández Paz e unha renovada aula de estudo

A concellería de Infraestruturas Urbanas defenderá no pleno ordinario deste xoves o proxecto de obra para acondicionar o primeiro andar da Biblioteca Municipal, no que se prevé instalar unha sala de recoñecemento ao legado do escritor Agustín Fernández Paz e, á súa vez, renovar a aula de estudo.

O proxecto, redactado polo arquitecto municipal, céntrase na adecuación de 150 metros cadrados e contempla a creación dun espazo aberto, luminoso e diáfano no que se integrará, por unha banda, a aula de estudo, e pola outra, a sala Agustín Fernández Paz, na que se aloxarán os arredor de 7.000 títulos doados pola súa familia ao pobo vilalbés.

“Estamos a falar de títulos que Agustín Fernández Paz posuía e consideraba un tesouro, polo que a súa vontade era que estiveran a disposición dos vilalbeses e vilalbesas”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen engadiu que “ao goberno local correspondíanos poñelos en valor e á verdadeira disposición de todos os veciños e veciñas, o que faremos con esta actuación cun custo de execución de 89.955,34 euros”.

Nesa liña, Rouco apuntou que “a familia de Agustín Fernández Paz e Isabel Soto, responsable de conservar e divulgar o legado intelectual do escritor, cumpriron coa súa vontade cedendo ao Concello arredor de 7.000 libros entre os que hai literatura infantil, literatura para adultos, cómics, revistas e, por suposto, a súa obra publicada tanto en galego como as traducións a diferentes idiomas”.

En consecuencia, o proxecto de obra pretende facer palpable o sentimento de recoñecemento do legado de Agustín Fernández Paz, aportando transparencia e luz ao novo espazo, que se proxecta cun gran ventanal sobre Vilalba na procura dunha clara referencia que provoque unha relación entre o exterior, onde Fernández Paz viviu e é querido, e o interior, que aloxa o seu legado.

Pola súa banda, no relativo á renovación da sala de estudo, que tamén estará integrada no espazo, as actuacións incluirán o cambio do mobiliario, adaptado á realidade actual dos usuarios e usuarias da mesma. Ademais, instalarase un teito acondicionado acusticamente para evitar a reverberación do son e colocaranse luminarias novas cunha temperatura de cor adaptada ao uso do espazo.

COMPROMISO DO GOBERNO LOCAL COA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Con esta nova actuación o goberno local ratifica o seu compromiso coa Biblioteca Municipal, na que se realizou unha inversión de máis de 35.000 euros a comezos do pasado ano.

Dita intervención incluíu como principais actuacións o cambio de fiestras, a instalación de mobiliario novo e a substitución do antigo chan por tarima flotante, de forma que se creou un espazo “máis agradable, cómodo e acolledor que invita a entrar e pasar tempo na biblioteca”, apuntou a alcaldesa, Marta Rouco.

Nese sentido, Rouco salientou que “esa ten que ser a sensación que nos produza entrar nunha biblioteca, a de querer pasar tempo nela; e ese foi o noso obxectivo para animar á lectura e, especialmente, incrementar o interese das novas xeracións”.

Un feito que amosan os indicadores, pois nos últimos anos incrementouse notablemente o número de préstamos anuais, con arredor de 15.000 por ano, así como tamén aumentou o número de usuarios e usuarias, salientando a gran participación das familias nas actividades organizadas mensualmente pola Biblioteca Municipal.