O goberno local cedeu á Amtega dúas parcelas localizadas en Oleiros e San Simón nas que se instalaron as infraestruturas que permitirán mellorar a cobertura telefónica e que se suman á parcela de Belesar na que a instalación se fará efectiva este venres
O Concello está a desenvolver un proceso de mellora das redes de comunicacións móbiles nas parroquias do rural vilalbés mediante a instalación de tres torres de telefonía nas parroquias de Oleiros, Belesar e San Simón.
Logo de recibir a solicitude da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para colaborar na localización das parcelas máis axeitadas, o executivo vilalbés iniciou un labor de procura dos terreos idóneos para instalar este tipo de infraestruturas, que posteriormente foron cedidos polo goberno local á Xunta de Galicia a custo cero e por un período, de cando menos, 15 anos.
Concretamente, na parroquia de Oleiros “a parcela está situada no lugar de Carracedo, xunto á antiga escola unitaria, e conta cunha superficie de 793 metros cadrados que permitiron a instalación dunha torre de telefonía móbil cuxa acometida eléctrica e permisos de execución xestionou o Concello” sinalou o edil de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, quen ademais asegurou que “o seu funcionamento estímase que comece no menor prazo de tempo, en canto as tres antenas estean colocadas”.
Así mesmo, tamén se levaron a cabo as mesmas actuacións noutra parcela localizada na parroquia de Belesar, onde a instalación da antena de cobertura estivo condicionada pola meteoroloxía e o estado do terreo, de tal forma que a súa colocación se fará efectiva este venres.
Pola súa banda, logo dos trámites necesarios e da intermediación coa veciñanza, o Concello tamén puxo a disposición da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia unha parcela na parroquia de San Simón, onde se instalou outra das antenas de cobertura.
“A intermediación pública era a única fórmula posible para mellorar a cobertura móbil no noso rural, pois debido ás características da zona a iniciativa privada non xestionaría esta actuación porque non repercutiría no beneficio económico esperado” explicou a alcaldesa, Marta Rouco, quen engadiu que “a mellora da cobertura non só se fará notar nas parroquias onde se colocaron as antenas, senón tamén nas da súa contorna, pois estudouse minuciosamente a localización para que o resultado fora o máis óptimo posible”.
Unhas actuacións cuxo obxectivo final é que as cesións permitan “seguir dotando aos vilalbeses e vilalbesas de servizos de calidade que faciliten o seu día a día e diminúan as deficiencias na cobertura móbil que sofren determinadas zonas do noso municipio”, concluíu Vidal.