O NOVO CONTRATO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS E LIMPEZA VIARIA ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO O VINDEIRO 1 DE FEBREIRO

A empresa adxudicataria comezará a aplicar os cambios de maneira progresiva, de tal forma que se agarda un período de transición no que gradualmente se irán facendo notables as melloras do novo servizo  

O novo contrato para o servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria do Concello, recentemente adxudicado á Unión Temporal de Empresas conformada pola Sociedade Anónima Garbialdi e a Sociedade Anónima Unipersonal FCC Medio Ambiente, entrará en funcionamento o vindeiro 1 de febreiro.

Así informou a alcaldesa, Marta Rouco, quen explicou que “se non se produce ningún contratempo administrativo, as empresas adxudicatarias están en disposición de comezar o seu servizo para o primeiro día de febreiro”. Ademais, a rexedora adiantou que “o contrato comezará cun período de transición e adaptación no que se irán aplicando as melloras de maneira progresiva”.

Nesa liña, o primeiro cambio palpable será o do servizo de limpeza viaria, que se verá notablemente mellorado grazas á entrada en funcionamento de 3 brigadas especializadas no acondicionamento e a limpeza das rúas do casco urbano.

“O primeiro que se fará será un plan de choque inicial que implicará traballos de limpeza con auga a presión das rúas do casco urbano, de forma que se verá notablemente mellorada a salubridade e a limpeza do centro da vila”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, o axuste da frecuencia de recollida dos residuos poderá tardar uns días en conseguirse de forma axeitada debido á extensión do concello e á falta de datos previos. Así pois, outras cuestións, como a aplicación xeneralizada da carga lateral e a chegada de toda a nova maquinaria poderá dilatarse uns meses.

“As empresas adxudicatarias realizarán unha importante inversión na mellora do servizo que chegará ata os 2,4 millóns de euros”, apuntou a rexedora, ao tempo que aclarou que “esas melloras serán progresivas porque é necesario estudalas e planificalas co obxectivo de que dean o resultado máis óptimo posible”.

Entre esas melloras estará a instalación de illas de reciclaxe nas parroquias do rural para favorecer a recollida selectiva e para iso “nos vindeiros días comezaremos a desprazarnos ás parroquias para reunirnos cos nosos veciños e veciñas e acordar con eles o punto máis idóneo no que colocar as illas de recollida selectiva”, adiantou Marta Rouco.

Finalmente, dende o Concello queren “pedir desculpas de antemán polas incidencias que poidan producirse neste período transitorio e tranquilizar aos nosos veciños e veciñas; debemos ter en conta que se trata dun contrato determinante para o noso Concello que implica un gran cambio e melloras notables das que nos beneficiaremos todos e todas”, concluíu a alcaldesa, Marta Rouco.