A cita é a primeira do ciclo de bailes mensuais que o Concello desenvolverá ao longo do ano e estará amenizada polo Dúo Estrellas
A alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo presentaron na mañá de hoxe o baile que o Concello celebrará o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, no Centro Cultural.
Logo do éxito dos bailes de Nadal, que reuniron a máis de 100 persoas no Centro Cultural, a alcaldesa, Marta Rouco, comprometeuse a organizar este tipo de citas con carácter mensual, de tal forma que o baile do domingo 12 de xaneiro será o primeiro deste novo ciclo.
“Cremos que este tipo de eventos son fundamentais para dinamizar o noso municipio e para brindarlle ás persoas máis maiores unha oportunidade de socializar, pasar unha tarde divertida e manterse activos”, explicou a rexedora, Marta Rouco.
Nesa liña, a través da Concellería de Servizos Sociais, o Concello organiza o baile do domingo 12 de xaneiro no Centro Cultural, que estará amenizado polo Dúo Estrellas e que se desenvolverá dende as 17:00 horas ata as 20:00.
“Nas vindeiras datas iremos anunciando as seguintes citas, que terán un carácter mensual e nas que intentaremos contar con diferentes agrupacións musicais para animar aos asistentes”, sinalou Rouco, ao tempo que aproveitou para “animar a todos os veciños e veciñas, de todas as idades, a que se acheguen o domingo día 12 ao Centro Cultural para gozar dunha xornada de música, baile e, se non se animan a bailar, xogos de mesa e conversas cos veciños e veciñas”.