A feira foi recoñecida recentemente polo Consello Provincial de Turismo cun dos premios Lugo Cambia, mentres o goberno local traballa na súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia
O Concello e a Asociación de Criadores de Capón presentaron na mañá de hoxe a edición deste ano da Feira do Capón, que se celebrará o vindeiro sábado, 21 de decembro, cos tradicionais premios e degustación gratuíta do manxar chairego.
O acto de presentación celebrouse no Hotel Spa Attica 21 de Vilalba, onde a alcaldesa, Marta Rouco, salientou a longa traxectoria da Feira do Capón na capital chairega e “a gran relevancia cultural e tradicional que leva o nome do noso concello máis aló das nosas fronteiras”.
Ademais, a Feira do Capón de Vilalba chega a esta edición cun novo recoñecemento: o premio Lugo Cambia na categoría “…E para comer, Lugo” que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e o seu valor cultural.
Nesa liña, Rouco salientou “o sólido compromiso da Deputación de Lugo co noso municipio, pois como cada ano contaremos coa colaboración do ente provincial para poder levar a cabo a nosa Feira do Capón”.
Pola súa banda, o goberno local “enviou xa a documentación necesaria á Xunta de Galicia para conseguir a súa declaración como de Festa de Interese Turístico de Galicia, atopándonos agora á espera de respota do goberno autonómico” explicou a rexedora, Marta Rouco.
En canto á programación da Feira do Capón, abrirase a cita ás 10:00 horas na Praza da Constitución para logo, ás 11:30, facer entrega dos tradicionais premios, da man da xornalista vilalbesa María Lamela. Ademais, esta edición tamén contará con degustación gratuíta de capón de 12:30 a 14:00 ou ata esgotar existencias.
Tampouco faltará a nota musical na cita. A charanga Brassica Rapa será a encargada de animar a Feira do Capón durante a mañá do vindeiro sábado, 21 de decembro, na Praza da Constitución. Unha actuación enmarcada no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).
Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, quixo “convidar a todos e todas a que se acheguen a Vilalba o vindeiro 21 de decembro para gozar dunha das citas máis destacadas no calendario vilalbés, para coñecer a nosa gastronomía e tradición”.