Na tarde de hoxe as xogadoras do Vilalba FS foron as encargadas de prender a iluminación de Nadal das rúas vilalbesas
O Nadal chegou ás rúas do Concello na tarde de hoxe logo de que as xogadoras do equipo sénior feminino do Vilalba FS acenderan as luces que iluminan a capital chairega.
Un acendido de luces que estivo precedido dun fermoso concerto a cargo da cantante galega Iria Estévez, cunha versión especial de Nadal, que amenizou a espera de todas as persoas que na tarde de hoxe se achegaron ata a Praza da Constitución para presenciar o acendido da iluminación de Nadal.
A alcaldesa, Marta Rouco, aproveitou a ocasión para destacar o recente ascenso do equipo sénior feminino do Vilalba FS á segunda división nacional e a súa distinción co galardón ao mellor equipo do ano nos XVIII Premios El Progreso ao Deporte Lucense.
Ademais, a rexedora vilalbesa quixo “agradecer a todas as persoas que nos acompañaron na tarde de hoxe e encheron de ambiente e ilusión a Praza da Constitución”. Pois, foron máis dun cento de persoas as que na última tarde de novembro se achegaron ata a Praza para presenciar a chegada do Nadal ás rúas vilalbesas.
Finalmente, Rouco convidou “a visitar a nosa vila nestas datas nas que coa luces de Nadal loce máis fermosa, se cabe, e aproveiten para coñecer o noso comercio local, a nosa hostalaría e a hospitalidade do noso pobo”.