A alcaldesa, Marta Rouco, explicou que “abordarase unha modificación de crédito necesaria para levar a cabo o proxecto logo de acadar o goberno local unha prórroga da subvención do Goberno Central que permitirá a execución das obras”
A alcaldesa, Marta Rouco, explicará no pleno ordinario de mañá, xoves 28 de novembro, a modificación de crédito que deberá levarse a cabo para poder executar o proxecto de rehabilitación da Casa do Concello, logo da prórroga do PIREP local conseguida polo goberno local.
Así, o Concello poderá sacar adiante o proxecto de rehabilitación da casa consistorial grazas ao financiamento conseguido a través do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos de Entidades Locais (PIREP local) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Unha subvención de case 944.000 euros acadada polo goberno local a finais do ano 2022 para executar o proxecto de rehabilitación da Casa do Concello, que no seu primeiro período de licitación quedou deserto.
En consecuencia, “dende o goberno local traballamos ao longo deste ano para que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana nos concedese unha prórroga nos prazos da subvención e así non deixar escapar un proxecto tan importante coma este”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Unha vez conseguida a prórroga, o Concello mantén, de novo, o proxecto de reforma da casa consistorial en proceso de licitación por un importe de 1.153.605,42 euros, dos cales o 80% será achegado polo PIREP local e o 20% restante polas arcas municipais, o que implica a modificación de crédito que se abordará este xoves no pleno ordinario do Concello.
En canto ao proxecto de obra, a rehabilitación centrarase na mellora da eficiencia enerxética da Casa do Concello, para o que se incorporará un sistema de xeración eléctrica composto por placas solares fotovoltaicas, substituiranse o total de luminarias existentes por tecnoloxía LED e dotarase de maior iluminación natural o interior do edificio. Ademais, levarase a cabo unha renovación integral da envolvente, incorporando illamento e acabados en fachada e cuberta.
Pola súa banda, tamén se mellorará a accesibilidade da Casa do Concello mediante a creación dun percorrido interior guiado por cores para mellorar a accesibilidade cognitiva. Así mesmo, reforzarase a barreira acústica que protexe de ruído ás oficinas, adaptaranse os baños para persoas con mobilidade reducida e levarase a cabo un reaxuste puntual da distribución das oficinas co obxectivo de facer o edificio máis accesible e útil para os veciños e veciñas.
CONSTRUCIÓN DUNHA PISTA MULTIOCIO
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, abordará tamén no pleno ordinario deste xoves o proxecto de construción dunha innovadora pista multiocio no campo da feira por un importe de 48.000 euros.
Unha cuestión que se incluirá no pleno por vía de urxencia e que se centra na construción dun zona pavimentada e delimitada no campo da feira sobre a que se instalarán porterías, canastras e liñas de xogo para practicar unha ampla variedade de actividades de ocio.
Nesa liña, o obxectivo do Concello é “ofrecer diversidade e á vez calidade, grazas á instalación de novos e innovadores espazos de lecer”, sinalou Fernández.
Ademais, a execución da obra implicará o cambio de localización da actual área de auto caravanas do municipio vilalbés, cuestión sobre a que xa traballan dende o goberno local e que xa conta cunha localización alternativa, estando pendente de executarse o cambio.