O CONCELLO FINALIZA AS ACTUACIÓNS DE MELLORA NO ESTADIO MUNICIPAL DA MADALENA

Logo da reparación da cuberta dun dos almacéns para empregalo como ximnasio, veñen de rematarse as obras para a instalación dunha zona de acceso do público e venda de entradas

A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, veñen de informar da finalización das actuacións de mellora realizadas polo Concello no Estadio Municipal da Madalena.

En concreto, as obras recentemente rematadas consistiron na colocación dunha estrutura definitiva para o control de acceso do público e a instalación de dúas xanelas no perímetro do estadio para facilitar e axilizar a venta de entradas.

A estrutura definitiva, construída sobre paneis de aluminio e cristais para facilitar a entrada de luz natural, permitirá ao Rácing Club Vilalbés levar a cabo un control de acceso do público grazas á instalación dun torno xiratorio.

Esta última actuación súmase ás recentes obras de reposición da cuberta do almacén do Estadio Municipal da Madalena, incluídas ámbalas dúas no Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e cuxa inversión superou os 30.000 euros

Grazas á reparación da cuberta, o que era un almacén pasou a converterse nunha nova zona de uso deportivo que o Racing Vilalbés emprega como ximnasio para que os xogadores e o equipo técnico desenvolvan os seus adestramentos físicos.

“Estamos a falar dun conxunto de actuacións que eran necesarias para facilitar o día a día do Rácing Vilalbés e axustar o Estadio Municipal da Madalena ás súas necesidades e ás esixencias da categoría na que compiten”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que á súa vez salientou “a cantidade de actuacións que veñen de realizarse e que están previstas nas instalacións deportivas do noso concello, co obxectivo de mellorar o día a día dos clubs deportivos e a práctica do deporte entre os nosos veciños”.

OBRAS EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Ademais das obras no Estadio Municipal da Madalena, o Concello rematou fai meses a reparación da cuberta do pavillón municipal cunha inversión de 70.000 euros, o que permitiu solucionar as deficiencias que presentaban as instalacións e as recorrentes filtracións de auga que afectaban, fundamentalmente, á zona de vestiarios.

Na actualidade, a administración local tamén traballa no estudo de alternativas para solucionar os problemas de condensación que se producen nas instalacións para que os clubs que compiten nas mesmas non vexan alterados os seus encontros deportivos.

Tamén no futuro se proxectan actuacións noutras instalacións deportivas. Por unha banda, a renovación completa do pavimento da pista do pavillón do CEIP Manuel Mato Vizoso, que se atopa en pleno proceso de valoración das ofertas presentadas durante a licitación. E doutra banda, a execución do proxecto de aforro e eficiencia enerxética dos vestiarios do pavillón deportivo municipal do CEIP Insua Bermúdez.