O goberno local propón á Xunta de Galicia manter as dársenas actuais, habilitando un acceso aos baños e instalando paneis informativos
Na mañá de hoxe a alcaldesa, Marta Rouco, mantivo un encontro coa directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, na estación de autobuses da vila, onde tamén estiveron o arquitecto técnico municipal e unha das técnicos da dirección xeral de mobilidade.
Logo de 9 meses agardando unha xuntanza coa directora xeral de mobilidade, a alcaldesa, Marta Rouco, conseguiu reunirse con Judit Fontela o pasado mes de xullo, cando esta última se comprometeu a visitar Vilalba no mes de setembro para estudar insitu a situación da estación de autobuses.
En vista do atraso na visita, a alcaldesa reiteroulle á dirección xeral de mobilidade a urxencia de encontrarse na capital da Terra Chá para ver o estado actual da estación de autobuses e estudar as posibilidades para “dar unha solución á altura do noso municipio, capitalidade da Terra Chá e localizado nun punto xeográfico estratéxico que fai que unha gran cantidade de rutas de transporte público por estrada pasen polo noso concello”, explicou a rexedora, Marta Rouco.
Esa idea foi a que a alcaldesa lle trasladou tamén no día de hoxe á directora xeral de mobilidade, facendo fincapé na importancia de “manter o que xa temos e que a estación de autobuses volva ser o punto central ao que chegan e do que saen todas as rutas que pasan por Vilalba”.
Nesa liña, a proposta por parte do Concello de Vilalba pasa por manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan, habilitar un acceso aos baños da estación e acondicionar a contorna.
Ademais, “é fundamental que se instale algún panel informativo para que os pasaxeiros poidan consultar as rutas, saber a que horas chegan ou saen os autobuses e onde conseguir os billetes”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, quen explicou que “ninguén sabe dicir onde e a que hora pasan os autobuses por Vilalba porque cada empresa foi mudando as paradas e o lugar de venda dos billetes por culpa do estado no que se atopa a estación de autobuses”.
“De feito, durante a visita puidemos comprobar en primeira persoa como varios pasaxeiros, fundamentalmente peregrinos, se achegaban para preguntar onde se collía o autobús, dubidosos de que aquelo fora o lugar de parada polo estado de abandono da estación” apuntou Rouco.
Pola súa banda, a directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, asegurou que se avaliará, mediante un estudo técnico, a alternativa proposta polo Concello de Vilalba e a posibilidade de instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.
“A opción de instalar unha dársena ao lado da estación consideramos que non achega nada positivo. Penso que é mellor aproveitar o que xa hai que construír algo novo para deixar abandonada a estación”, apuntou a alcaldesa, Marta Rouco, quen engadiu que “nesa fórmula seguiría sen haber uns servizos mínimos porque non existiría un acceso aos baños, fundamentais para os usuarios”.
Finalmente, Rouco salientou que “a estación inaugurouse no ano 91 como un gran fito do Partido Popular pero agora os propios populares pretenden pechala definitivamente porque, segundo eles, non ten a afluencia suficiente”.
TRANSPORTE ESCOLAR
Pola súa banda, algunhas familias afectadas polos problemas co transporte escolar no colexio de Román e co transporte integrado nos institutos do casco urbano, achegaronse ata á estación en busca dunha respota á situación por parte da directora xeral de mobilidade.
Logo de que as familias e a alcaldesa lle trasladasen as múltiples incidencias que se veñen dando dende o inicio do curso, a directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, asegurou que se estaba traballando nese tema e fixou nun par de semanas a implantación dunha solución definitiva.