A iniciativa, posta en marcha en colaboración cos concellos de Xermade e Guitiriz no ano 2021, conta con profesionais de logopedia, fisioterapia, psicoloxía e terapia ocupacional
O Servizo de Atención Temperá do Concello presta servizo na actualidade a 30 nenos e nenas vilalbeses con necesidades transitorias ou permanentes detectadas, fundamentalmente, nos centros educativos e derivados polo servizo de pediatría.
Este servizo, posto en marcha no ano 2021 polo Concello de Vilalba, en colaboración cos Concellos de Xermade e Guitiriz, conta con especialistas nas áreas de logopedia, fisioterapia, psicoloxía e terapia ocupacional que dende comezos do 2022 atenderon arredor de 60 nenos e nenas.
“Con esta iniciativa os nenos e nenas con necesidades específicas poden ser atendidos na nosa vila, de tal forma que evitamos que as familias teñan que desprazarse ata Lugo cos seus fillos”, sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, que cualificou o servizo de “fundamental para que as familias vilalbesas conten cos servizos necesarios no ámbito da crianza e a conciliación”.
Nesa liña, o Servizo de Atención Temperá de Vilalba, xestionado neste momento polo Concello de Xermade, atende principalmente trastornos do desenvolvemento e dificultades específicas en áreas concretas de nenos e nenas entre os 0 e os 6 anos.
“Ademais da proximidade, o servizo é fundamental para aliviar as listas de agarda existentes en centros de maior densidade de poboación, como por exemplo os de Lugo cidade”, explicou a rexedora, Marta Rouco, quen engadiu que “grazas á posta en marcha do servizo na nosa vila, os nosos nenas e nenos reciben atención de forma moito máis rápida que en centros nos que se presta servizo de forma integrada á maior parte dos concellos da provincia”.