O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE INSTALACIÓN DO SISTEMA DE AIRE ACONDICIONADO NA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

As actuacións teñen un prazo de execución dun mes e suporán unha inversión de máis de 50.000 euros con cargo ao Plan Único 2024

O Concello vén de adxudicar as obras que se levarán a cabo no edificio da Escola Infantil Municipal, situado na Rúa de Ribadeo, para proceder á colocación dun sistema de climatización e ventilación que permitirá dotar ás instalacións de aire acondicionado.

No día de onte, o contrato das obras quedou adxudicado á empresa COFRICO SL por un valor de 54.045 euros, con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. De tal forma que a empresa adxudicataria contará cun mes para a execución das obras, garantindo a instalación do sistema de aire acondicionado para este mesmo verán.

En canto ás actuacións, as obras incluirán a instalación e conexionado dun sistema de climatización e ventilación nas aulas da planta baixa do edificio, concretamente nas de 0 a 1 anos e na de 1 a 3 anos. Ademais, o aire acondicionado tamén se instalará na zona común que funciona como patio de xogos e nos despachos de secretaría e dirección.

Desta forma, o Concello dará solución a un problema existente na Escola Infantil Municipal que cada verán se viña agravando por mor da chegada das altas temperaturas. Así, a rexedora, Marta Rouco, sinalou que se trata dunhas obras “imprescindibles para mellorar a climatización das instalacións e permitir que os nenos e nenas permanezan nas mesmas nunhas condicións óptimas e agradábeis”.

Ademais, Rouco salientou “a inversión deste goberno municipal nas necesidades reais dos nosos escolares”, lembrando as recentes axudas que vén de convocar o Concello para contribuír aos gastos de material escolar das familias con nenos entre 3 e 6 anos, así como as obras previstas noutros centros educativos como o CEIP Mato Vizoso, no cal se acometerá a renovación do pavimento da pista do pavillón polideportivo.