O CONCELLO CONVOCA AS AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR DESTINADAS AO ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL

Están dirixidas a escolares entre 3 e 6 anos matriculados nos centros educativos públicos do municipio e divididas en dous tramos, dun máximo de 100 e 75 euros respectivamente

O Concello vén de facer públicas as bases que rexen a concesión de axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado de educación infantil, é dicir, nenos e nenas entre 3 e 6 anos, matriculados nos centros educativos públicos do municipio.

A contía de ditas axudas dividirase en dous tramos e dependerá do orzamento presentado, podendo chegar a un máximo de 100 euros ou de 75 en función da renda per cápita das familias solicitantes. Dito orzamento deberá ser presentado pola persoa interesada, que terá que especificar o gasto que se prevé realizar, podendo acompañalo ou substituílo polo xustificante asinado e selado do centro escolar onde estea matriculado o menor.

“As familias poderán investir as axudas na compra tanto de libros de texto como de calquera tipo de material escolar, de tal forma que poderán cubrir uns gastos de cara o vindeiro curso aos que non se fai fronte mediante ningún outro organismo público”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, as familias poderán entregar a documentación solicitada no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica dende mañá, 28 de xuño, ata o vindeiro xoves, 11 de xullo, incluído. As bases da convocatoria, así como os anexos da mesma están dispoñibles nesta mesma entrada da páxina web, ao remate da nova.

En total o Concello destinará a estas axudas un orzamento de 15.000 euros, de tal forma que se non fora suficiente para facer fronte ao número de solicitudes presentadas, estas atenderanse de menor a maior IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) e outorgaranse por orde, tendo en conta o importe solicitado ata esgotar o crédito.

Nesa liña, a alcaldesa, Marta Rouco, sinalou que “o ano pasado o crédito foi suficiente e concedéronse as axudas a 91 familias que presentaron a solicitude e cumprían os requisitos establecidos na convocatoria; polo que a previsión cara este ano é que todas as persoas solicitantes que non superen a renda per cápita establecida nas bases obteñan directamente a correspondente subvención”.