A ALCALDESA VISITA A JULIA OTERO PARA FELICITALA POLO SEU 100 ANIVERSARIO

A rexedora achegouse ata a parroquia de San Juan de Alba para agasallar á centenaria no seu domicilio

O club dos centenarios vilalbeses segue medrando e esta semana sumou unha nova integrante, Julia Otero, que vén de cumprir 100 anos o pasado martes 22 de maio e de recibir a correspondente visita da alcaldesa para felicitala.

Así, a rexedora, Marta Rouco, desprazouse ata a parroquia de San Juan de Alba para felicitar persoalmente a Julia Otero no seu domicilio familiar e agasalla co correspondente ramo de flores, tal e como vén facendo nos últimos meses.

Ademais, Rouco estivo acompañada na súa visita polo concelleiro Luis Fernández e ámbolos dous gozaron dunha agradábel conversa con Julia e a súa familia, quen recibiu con gratitude a visita dos representantes municipais no seu domicilio.

“Ségueme facendo moita ilusión que a veciñanza reciba con agarimo esta proposta coa que pretendemos render homenaxe aos nosos maiores e aproveitar para, pouco a pouco, coñecelos a todos eles e elas” sinalou Marta Rouco, quen adiantou que “ata o mes de xullo non nos consta o aniversario de ningunha outra centenaria e será entón cando continuemos coas nosas visitas e felicitacións”.