A ALCALDESA E A CONCELLEIRA DE DEPORTES RECIBEN A DIEGO VILLARES PARA FELICITALO POLO SEU ASCENSO A SEGUNDA DIVISIÓN

O xogador do RC Deportivo da Coruña achegouse ata a Casa do Concello de Vilalba para ser recibido pola rexedora vilalbesa, Marta Rouco, e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo

O Concello de Vilalba está de celebración polo recente logro dun dos deportistas máis destacados do municipio, Diego Villares, centrocampista do Real Club Deportivo da Coruña, que vén de ascender á Segunda División da Liga Española de fútbol.

E para transmitirlle a admiración e orgullo de todos os vilalbeses e vilalbeses a Villares, a alcaldesa, Marta Rouco, e a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, recibírono na tarde de hoxe na Casa do Concello para felicitalo polo seu recente logro e animalo a seguir acadando as súas metas e desexos.

Ademais, Villares achegouse ata a Casa do Concello de Vilalba acompañado pola súa familia e amigos, creándose un ambiente de humildade e fraternidade entre todos os presentes e amosando, unha vez máis, o sentimento de pobo dos vilalbeses e vilalbesas.

“É un orgullo que calquera vilalbés ou vilalbesa chegue lonxe e cumpra os seus soños. Neste caso, como non podía ser doutra forma, estamos especialmente felices e orgullosos do logro de Villares, un rapaz formado nas bases do equipo do pobo” sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, quen ademais salientou “a humildade e a amabilidade de Villares, que a pesares dos seus logros mantén os pés no chan e segue sentíndose un vilalbés máis”.

Así mesmo, a Concelleira de Deportes, Paula Vigo, aproveitou a visita de Diego Villares para felicitalo polo ascenso e “darlle ánimos para a seguinte tempada, pensando xa nun novo obxectivo e nunha nova meta que cumprir, porque estamos seguros de que chegará onde se propoña”.

TRAXECTORIA FUTBOLÍSTICA

Diego Villares, nado no ano 1996 na parroquia de Samarugo, en Vilalba, comezou a súa andaina futbolística nas bases do Rácing Club Vilalbés, onde desenvolvería toda a súa traxectoria ata a tempada 2013-2014, na que con tan só 17 anos disputou o seu primeiro partido co equipo sénior do Rácing Club Vilalbés na Terceira División.

Os seus pasos no mundo do fútbol continuarían logo no equipo sénior do Vilalbés, do que formou parte ata o ano 2018, sendo entón cando o Real Club Deportivo da Coruña fichou a Villares para o cadro de xogadores do seu equipo filial, o Real Club Deportivo da Coruña Fabril. A pesares desa fichaxe, o ‘pulpo’ Villares volveu a Vilalba grazas a unha cesión concedida ao Rácing Club Vilalbés, do cal se despediría definitivamente no ano 2020.

Xa na tempada 2019/2020, Villares converteuse nun home imprescindible para o Real Club Deportivo da Coruña Fabril, sendo un dos xogadores máis utilizados no filial deportivista durante as súas dúas campañas completas no mesmo.

Finalmente, o salto do de Samarugo ao primeiro equipo do RC Deportivo chegaría no ano 2021, concretamente o 7 de febreiro, momento dende o cal se converteu no centrocampista imprescindible do equipo branquiazul, sumando 9 goles e máis de 8.000 minutos disputados no Grupo 1 da Primeira RFEF.